FIOT convoca el V Certamen de Micro-Escenas M²
El Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) presenta las bases para participar en la quinta edición del Certamen de Micro-escenas Metro Cadrado.
Bases
1º FINALIDADE
A Asociación Cultural Telón e Aparte, organizadora do FIOT convoca o V Certame de Micro-Escenas M². Con esta convocatoria preténdese apoiar a creación escénica de novos formatos e a compañías e creadores emerxentes ofrecendo un contexto privilexiado para a presentación e estrea de espectáculos, así como captar novos públicos e implicar aos espectadores e á cidadanía en proxectos escénicos.
O Certame de Micro-Escenas M² é un concurso de proxectos escénicos de pequeno formato concibidos para poñer en escena en espazos non teatrais nos que o público se situará a curta distancia dos intérpretes.
Atendendo ao interese do FIOT nos proxectos e experiencias teatrais singulares que fan un uso innovador de cultura dixital e a tecnoloxía procurarase seleccionar cando menos unha proposta que se desenvolva ou no que teña un peso moi claro os medios en liña ou virtuais.
2º DESTINATARIOS
Poderán optar ao Certame todas as persoas físicas, grupos ou compañías teatrais que creen un espectáculo que cumpra as características que se establecen nestas bases.
3º CARACTERÍSTICAS DA OBRA E FORMATO
· Os participantes deberán presentar unha proposta de dramaturxia dunha duración de entre 10 e 20 minutos creada para representala en espazos non teatrais de Carballo, determinados pola organización e que busque a proximidade entre intérpretes e espectadores.
· As propostas poderán ser tanto pezas orixinais como pezas xa estreadas, aínda que se terá en conta a nova creación e, especialmente, a adecuación e a interacción cos espazos ofertados e a autoría propia.
· As propostas textuais deberán estar en lingua galega.
· As pezas poderán estar destinadas a público de calquera idade e estará dirixida a un número de entre 1 e 25 espectadores. Os participantes proporán o número máximo de espectadores segundo as dimensións especificadas dos espazos , tendo en conta que deberán respectarse as distancias mínimas de seguridade ou e as medidas impostas ou recomendadas polas autoridades sanitarias.
Espazos ofertados:
Biblioteca (9 m x 5m)
Despacho do alcalde (6,5 m x 6,5 m)
Palco da musica (6,5 m x 6,5 m)
Cafetaría (6m x 5m)
Pista de skate (16 m x 9 m)
Ponte de madeira sobre o río ( 2 m x 2m máis accesos)
Horto urbano (10 m x 10 m)
Aula de formación empresarial (7,4m x 4,9m)
Balcón do Concello de Carballo (O público estaría situado na praza) (3 m x 1 m)
Parque infantil (10 m x 10 m)
Parque para maiores (10 m x 10 m)
Pista deportiva (10m x 10m)
Poden obterse imaxes e máis información sobre os espazos ofertados no enderezo electrónico fiot.microteatro@gmail.com ou no facebook do festival https://facebook.com/festivalfiot/.
Argumentarase o motivo da elección do espazo, sendo este un criterio fundamental para a elección das pezas.
4º DESENVOLVEMENTO DO CERTAME
A convocatoria desenvolverase en tres fases:
1.-Recepción das propostas: prazo de inscrición será do 20 de maio ao 30 de xuño.
2.- Selección das propostas por parte do xurado e comunicación aos seleccionados: O fallo farase público antes do 10 de agosto.
3.-Exhibición: As representacións das pezas seleccionadas realizaranse entre o 25 de setembro eo 30 de outubro, preferiblemente en sábado.
O Certame celebrarase sempre e cando non haxa medidas derivadas da crise sanitaria ocasionada polo COVID 19 que desaconsellen a súa realización. Debido á situación excepcional que se está a producir, a organización determinará se é preciso que os participantes introduzan algún cambio no desenvolvemento do proxecto para manter as condicións de seguridade que se puideran establecer, que intentarán acordar cos participantes. O cumprimento desta condición será indispensable para a obtención do premio.
Cada compañía ou grupo representará un mínimo de catro veces a súa peza, podéndose acordar un número superior ou inferior dependendo da duración ou características desta. Todas as representacións terán lugar o mesmo día.
A organización do Certame concretará a data e o número de pases co responsable da peza seleccionada e coordinará con el as necesidades técnicas de son e iluminación.
A priori, os espazos utilizaranse co seu mobiliario ou coa decoración do mesmo debendo consultar coa organización e os propietarios as necesidades de adaptación a peza.
5º SELECCIÓN DAS PROPOSTAS E COMPENSACIÓN AOS SELECCIONADOS
O xurado seleccionará de 4 a 6 propostas de dramaturxia.
O xurado poderá seleccionar pezas suplentes por se algunha das gañadoras non puidese realizar a representación.
As propostas seleccionadas deberán ser representadas no marco do FIOT, tras a actuación percibirán unha compensación económica de 450 € retención e impostos incluídos, deberá presentarse factura ou recibín como actividade profesional, cuxa retención irá a nome do representante do grupo ou compañía ou dos seus membros.
A representación das propostas é condición imprescindible para a percepción do premio. No caso de que pola crise sanitaria ocasionada polo COVID 19 non fora posible realizar as representacións en directo realizaranse en streaming. De non ser posible valorarase pospoñer as representacións para o FIOT 2022, sempre e cando as compañías segan tendo dispoñibilidade.
Premio do público
Ademais todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán aos seguintes premios:
> 150 € Premio do Público ao Mellor Espectáculo.
> 150 € Premio a Mellor Interpretación.
Ás compensacións polas representacións facturaranse coa aplicación dos impostos ou retencións fiscais correspondentes.
6º PRAZO, LUGAR E PROCEDEMENTO PARA A PRESENTACIÓN DE PROXECTOS
A inscrición realizarase no enderezo electrónico fiot.microteatro@gmail.com do 20 de maio ao 30 de xuño. Poderán inscribirse todas aquelas persoas físicas, grupos ou compañías onde todos os seus membros sexan maiores de idade. Achegando:
–Solicitude de participación do Certame conforme ao modelo que se xunta coas bases.
-Breve resumo da traxectoria da compañía e/ou dos seus integrantes.
-Poderá achegarse o material complementario que se considere (dossier, texto, fotografías, vídeos…).
-DNI da persoa responsable do grupo ou compañía.
-No caso de grupos non constituídos xuridicamente deberán presentar unha relación asinada por todos os membros do grupo (segundo o modelo indicado pola organización) e nomear a un representante.
Recibida a solicitude confirmarase a recepción da mesma, podendo ser requirida documentación para a súa emenda.
7º O XURADO
O xurado estará composto por profesionais das artes escénicas ou relacionados coas mesmas.
O xurado e a organización poderán declarar deserto algún premio e terán a competencia de resolver calquera circunstancia non prevista nas presentes bases con absoluta autoridade.
8º DEREITOS DE AUTORÍA E IMAXE
A utilización dos textos ou obras deberán cumprir coa normativa dos dereitos de autoría e os participantes na convocatoria son responsables do seu cumprimento e exímese a organización deste certame de calquera responsabilidade ao respecto. Os participantes deberán asumir a súa liquidación.
A participación presupón que os autores son os titulares dos dereitos de propiedade intelectual sobre a obra presentada por eles a este concurso e que non cederon os dereitos sobre ela a terceiros e ostentan en exclusividade os dereitos de autoría, polo que queda eximida a organización do Certame de calquera conflito de publicación ou utilización das obras presentadas e dos que puidera derivarse.
Os participantes ostentarán e cederán á organización do Certame os dereitos de comunicación pública de forma indefinida. Neste sentido, os autores renuncian a favor da Asociación Cultural Telón e Aparte a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autoría.
A difusión e /ou reprodución da obra no marco do concurso non poderá lesionar a terceiros asumindo persoalmente o/a autor/a calquera responsabilidade que puidera derivarse.
A organización resérvase o dereito de tomar imaxes das pezas para empregar en redes sociais ou prensa.
9º ACEPTACIÓN DAS CONDICIÓNS
A inscrición ao Certame de Micro-escenas M² implica a aceptación destas bases.
A organización estará facultada para dirimir calquera eventualidade non prevista nelas e terá así mesmo, capacidade de interpretación a cantos efectos procedan.
De acordo co establecido pola normativa vixente en materia de protección de datos, informámoslle de que o Responsable de Tratamentos dos seus datos persoais é a AC Telón e Aparte, con enderezo en Rúa do Pan s/n, 15100–Carballo (A Coruña); lopd@fiot.gal. Os datos serán utilizados para prestarlle o servizo solicitado e a xestión administrativa derivada da prestación do servizo. Os datos non se cederán a terceiros, salvo por obriga legal. Ten vostede dereito a acceder, rectificar ou suprimir os datos erróneos, solicitar a limitación do tratamento dos seus datos así como opoñerse ou retirar o consentimento en calquera momento e solicitar a portabilidade dos mesmos en calquera momento. Para elo a AC Telón e Aparte dispón de formularios específicos para facilitarlle o exercicio dos seus dereitos. Pode presentar a súa propia solicitude ou solicitar os nosos formularios, sempre acompañados dunha copia do seu DNI para acreditar va súa identidade. Pode consultar a información adicional e detallada sobre Protección de Datos solicitándoa por correo electrónico: lopd@fiot.gal.