El Chivato

O director de ARTEZ fai entrega do premio Zapatilla ao CDAE do IGAEM

O director da Revista de las Artes Escénicas ARTEZ, Carlos Gil, fixo entrega hoxe do Premio Zapatilla ao Centro de Documentación das Artes Escénicas e Musicais de Galicia (CDAEMGA), departamento dependente do IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais) da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que recibiu esta distinción polo seu labor de promoción editorial. O acto de entrega do galardón, contou coa asistencia do presidente do IGAEM, Amado Ricón Virulegio, e da directora do Centro de Documentación, Mar Nogueira, así como do resto dos integrantes deste equipo.
Esta é a primeira vez que ARTEZ, publicación de difusión nacional, outorga os seus Premios Zapatilla, cos que recoñeceu “algúns oficios ou creacións que cada vez inciden máis no propio devir dos espectáculos ou dos eventos, e que case nunca se sinalan”.

FONDO BIBLIOGRÁFICO
Coincidindo coa súa estadía en Compostela con motivo da celebración da Feira do Teatro de Galicia, Carlos Gil quixo entregar persoalmente o galardón ao CDAEMGA, do que o equipo de redactores, colaboradores, directivos e especialistas da revista destacou textualmente “o seu gran labor editorial, que está creando un gran fondo cos autores galegos, e tamén con libros técnicos e teóricos en galego”. Pola súa banda, Mar Nogueira agradeceu este recoñecemento, subliñando que é o resultado “do labor dun equipo de xente nova, profesional, especializado e compacto, que vén desenvolvendo o seu traballo desde o ano 1997”.
A revista ARTEZ, fundada en 1997 no País Vasco e de periodicidade mensual, deu a coñecer o pasado mes de xaneiro o nome dos gañadores dos seu premios, bautizados como Zapatilla en consonancia coa imaxe que forma parte do grafismo da súa cabeceira. Foron un total de 12 os galardoados, entre os que se atopan tamén a Fira de Manacor, a compañía Titzina Teatro, o V Mercado Cultural de Salvador de Bahía, o programa de ETB Desde el gallinero, a Feria de Teatro de Castilla-La Mancha ou a Fira de Tárrega.
O IGAEM asume o seu labor de edición propia, coedición e apoio económico a coleccións ou volumes relacionados coas artes escénicas e musicais dentro das súas competencias de difusión e promoción do teatro, a danza e a música de Galicia. Neste sentido, gracias á súa colaboración con outras entidades e/ou empresas editoriais ou á súa promoción directa, ven a luz unha media de 25 libros ao ano, fundamentalmente referidos a espectáculos ou textos dramáticos e material de investigación sobre o teatro.
Para facilitar o acceso a esta producción editorial, o Centro de Documentación das Artes Escénicas e Musicais de Galicia edita o Catálogo de publicacións do IGAEM, unha ferramenta útil para a dar a coñecer ese fondo, que se revisa e actualiza periodicamente tanto en soporte papel como en internet a través da web do IGAEM.
O equipo de CDAEMGA é, precisamente, o encargado de xestionar o portal das artes escénicas e musicais de Galicia que o IGAEM mantén na rede. Este espacio, en constante crecemento e renovación, ten como obxectivo atender aos profesionais e afeccionados á danza, música e o teatro de Galicia, así como ser un punto de encontro para artistas, público, administracións públicas e, en definitiva, para tódolos internautas.

CATÁLOGO DE DRAMATURGOS
Así mesmo, o Centro de Documentación está a traballar tamén na elaboración do primeiro Catálogo de Autores Dramáticos Galegos, no que se recollerán datos sobre a vida e a obra, tanto inédita como representada, dos nosos escritores teatrais. O resultado final da súa investigación será unha publicación editada non só en soporte papel, senón tamén en soporte dixital.
Outros programas do mesmo Centro respecto á difusión editorial son a promoción do libro teatral galego mediante a participación no Salón do Libro Teatral que organiza anualmente a Asociación de Autores de Teatro; e a constitución dunha biblioteca especializada que se está a dotar día a día co fondo editorial que se produce sobre teatro en calquera das súas manifestacións: texto dramático, obra de referencia, obra crítica e mediateca.


Mostrar más

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Botón volver arriba